Thursday 16 de May de 2024

Máis de 350 persoas participaron en Lousame na ruta teatralizada “Camiño do mercado”


 

Organizada polo Concello de Lousame e Senda XXI, incluíu 5 actuacións teatralizadas, 2 musicais e a recuperación dunha danza tradicional galega: o baile do Espantallo

Máis de 350 persoas, entre artistas e sendeiristas, participaron onte domingo na quinta edición da ruta teatralizada “Camiño do Mercado”, organizada polo Concello de Lousame e a asociación cultural e deportiva Senda XXI. O tempo acompañou, o que fixo que as máis de 250 persoas anotadas se presentaran ás 10:00 horas na pista polideportiva do Sanguiñal, parroquia de Tállara (Lousame) para afrontaren os pouco máis de cinco quilómetros de ruta polas aldeas do Sanguiñal, de Marracín de Arriba, Figueiroa, San Roquiño, Pousada e Carantoña.

Un traxecto a ritmo de paseo e con ata cinco paradas para asistiren a outras tantas actuacións teatralizadas, de entre cinco e dez minutos de duración, a cargo de integrantes de Senda XXI, voluntarios e voluntarias de Lousame e un grupo de veciños e veciñas de A Barquiña (Noia). Cinco actuacións en ton de comedia costumbrista e tratando temas como a emigración, a morte, as disputas polas herdanzas ou mesmo unha xornada de traballo nun lavadoiro de roupa.

A estas cinco postas en escena hai que engadirlle dúas actuacións musicais. A primeira tivo lugar na aldea de Pousada, onde un grupo de nenas de Lousame e o grupo folclórico O Son do Pote recuperaron para os presentes a “Danza do espantallo”. A segunda tivo lugar no pontellón de pedra no río Lobo (Tállara) e estivo protagonizada polo grupo de pandereteiras O Tremuzo (O Freixo, Outes). Todo para rematar cun gran fin de festa nos muíños de Carantoña, con música e baile.

A marcha desenvolveuse sen ningunha incidencia, grazas á colaboración dun gran grupo de voluntarios e voluntarias de Lousame, que acompañaron aos sendeiristas, e de Protección Civil de Lousame, que estiveron regulando o tráfico nos distintos pasos. Entre voluntarios, actores, actrices, músicos, persoal municipal e de Senda XXI sumaron case cen persoas. Esta actividade está incluída no proxecto “Mocidade en Movemento”, que desenvolve o Concello de Lousame coa colaboración da Consellería de Política Social.